09/08/11

Remate de curso

É martes á noite. O curso de formador ocupacional está liquidado -só nos faltan os módulos de igualdade e de sensibilización ambiental- e eu estou nervioso polo que atoparei mañá pola mañá. Estamos citados ás 9.20 no piñeiral de Cabanas para realizar unha serie de actividades grupais en colaboración cos compañeiros de Forem, que tamén fixeron canda nós o mesmo curso. Só agardo que as "actividades" non sexan coma as do seguinte vídeo.

02/08/11

A un paso do obxectivo

Quedan apenas 10 días de clase e o obxectivo está a piques de acadarse. Certo é que se están facendo longos estes últimos días, porque o verán (ou ausencia del, como se mire) empeza a pesar e pola cantidade de traballos e probas que fomos superando nestes meses.

Parecíame inalcanzable ó comenzo, pero aquí estamos, vendo xa o remate e comprobando que mellor ou peor, fomos pasando todas e cada unha das probas que foron xurdindo.

Agora poido afirmar que esta foi unha moi boa experiencia e que nos vai valer de moito para voltar ó mercado laboral de novo.

Nin tanto nin tampouco

A teoría é aínda hoxe a base de calquera curso. Queiramos ou non temos que contar con guías que se lle deben facilitar ao alumnado. Da mesma maneira, os exercicios prácticos e as dinámicas de grupo axudan a que os alumnos desconxestionen a mente ao tempo que continúa a aprendizaxe.

Pódese pensar que un curso maiormente práctico é máis atractivo. Tamén se pode crer que o traballo en grupo é máis enriquecedor que o traballo individual. A experiencia deste curso indica que estas crenzas hai que matizalas. Porque nin todo pode ser teoría, nin todo pode ser práctica, nin todo pode ser traballo en equipo, nin todo pode ser traballo individual.

A ver quen nos pode dar a fórmula da dosificación ideal para que sempre se manteña a motivación. Tamén serven que nos deades algúns consellos para saber cando estamos a piques de saturar o alumnado e, en consecuencia, de provocar un motín na aula.

12/07/11

                O traballo que levamos a cabo estes días pareceume moi interesante, non só pola información recabada e transmitida senón polo proceso de investigación en si: a búsqueda de información, a selección da mesma, as postas en común, as fontes que se utilizaron, os datos atopados, etc.  Resumindo:  foi un traballo concienzudo no que houbo que descartar páxinas inxentes de información, cun excelente resultado.
                Chamoume a atención que a información transmitida polos diferentes “equipos” non foi a mesma, a pesar de que, inevitablemente, nalgúns datos e observacións coincidimos.
Aplicando unha visión de conxunto, quedou un traballo grupal bastante estructurado, tendo en conta que os tres equipos traballamos de forma independente. Moi enriquecedora a exposición do grupo “Plan Bolonia”.

17/06/11

Quedar sen tempo e sen alento


As sesións que estivemos impartindo estes días foron certamente interesantes. Os compañeiros e compañeiras falaron de asuntos tan variopintos como o protocolo, os dereitos e deberes que temos á hora de relacionarnos coa administración pública, a calidade, a seguridade nos colexios, un episodio determinante da historia Británica, a comunicación ou o turismo.

En todos os casos creo que se demostrou que sabiamos do que falabamos, que traballamos moito o material docente e que fixemos todo o posible por facer atractivos os temas que a cada un nos tocou tratar. Porén, houbo un particular que á maioría nos preocupa: ¿como facer para axustarnos a un tempo determinado tratando todo o que hai que tratar e a un ritmo que permita a perfecta asimilación de coñecementos por parte da audiencia?. Aí queda a pregunta, e tamén aquí, no foro de IdentiaCF, onde os usuarios rexistrados poden debater sobre a cuestión.

Para quen teña algunha achega interesante que facer ao respecto, agradeceríalle que nos dese os seus trucos ou técnicas a través do apartado de comentarios.

Despois de pasar polo trance de ter que falar en hora e media os temas que tiña preparados para dúas horas, cheguei á conclusión de que non existe métrica infalible. Certo é que cómpre preparar as sesións aproximando a duración dos contidos e exercicios prácticos en base á súa relevancia, mesmo engadirlle ao cálculo resultante da suma dos tempos unha marxe de erro por exceso debido ás intervencións e microdebates que poidan xurdir.

Supoño que, ao cabo, todo será unha mestura 50/50 de planificación e experiencia persoal e intransferible, porque é posible que unha persoa sexa quen de comunicar e interactuar con eficiencia docente en tan só 5 minutos mentres que outra persoa igualmente eficiente empregue 10 minutos.

Aí está o debate.

10/06/11

Experiencia da exposición

O principio estaba un pouco nerviosa, un pouco tamén polo tema que escollín, porque recoñezo que é un pouco árido, pero a medida que ía pasando o tempo e sobre todo, gracias á colaboración dos compañeiros, funme sentindo máis cómoda e a sesión foise facendo cada vez máis práctica e con exemplos, para tratar de que comprenderades e virades un pouco, a esencia da calidade e a súa posible utilidade en calquer tipo de organización.
Graciñas a todo o grupo pola vosa colaboración

02/06/11

Recursos audiovisuais para o curso... para calquera curso no que fagan falla recursos audiovisuais

A semana lectiva toca á súa fin. Nestes días andivemos a voltas coa preparación da sesión de dúas horas na que imos ter que despregar todo o noso arseal docente. Porén, nas entremedias houbo tempo para coñecérmonos mellor a través de breves presentacións en power-point.

O programa de presentacións de Microsoft é unha ferramenta moi potente, sobre todo na súa última versión. Pódese meter nel practicamente todo: texto, imaxes, gráficas, audio, vídeo... Aínda que podemos modificar moitos destes elementos mentres estamos compoñendo as pantallas, o certo é que debemos ter en conta algunhas cuestións técnicas, sobre todo no tocante ás fotos, ao vídeo e ao audio. Aí van unhas cantas consideracións.

As fotos
As imaxes en internet están compostas por píxeles. Pequenos puntiños de imaxe imperceptibles con información de brillo e cor. Unha presentación estándar de Power-Point é un lenzo baleiro que ten 800 píxeles de ancho por 600 de alto nos ordenadores con pantallas antigas ou de 1024x768 nos que hoxe están máis extendidos e que cadran coa resolución habitual dos proxectores de vídeo, aínda que na actualidade todos aceptan até 1280x1024. Se queremos que as nosas fotos se vexan ben e teñamos marxe de manobra suficiente ao redimensionalas sen que perdan calidade, é conveniente buscar fotos e/ou gráficos que teñan unha resolución de 800x600 píxeles como mínimo ou, mellor aínda, que anden nos 1024x768.

A equivalencia entre resolución de pantalla e resolución da imaxe non é tan simple como se expón aquí, pero sérvenos de referencia. Google ofrécenos a posibilidade de atopar imaxes de tamaño grande, mediano ou pequeno, indicándonos nas miniaturas a resolución que teñen. É ben ter en conta o tamaño... porque unha presentación perde moito se leva imaxes pixeladas ou, dito doutra maneira, imaxes con tan pouca resolución que cando as ampliamos vemos tamén ampliados os píxeles cadrados que a compoñen.

Se queremos tratar as imaxes para darlles a todas un aspecto uniforme, recurtalas ou aplicarlles filtros con efectos, o máis socorrido e profesional é o Photoshop, un paquete de Adobe escalable con outros programas da firma como o InDesign (Deseño gráfico), o Illustrator (Maquetación), Premiere (Edición de vídeo), Flash (edición neste formato para web e vídeo) e After Effects (Posprodución de vídeo), entre outros. O Photoshop é o programa máis usado para tratamento e procesado de imaxes. Ten o problema de que legalmente é moi caro e fan falla coñecementos mínimos para traballar con el -tampouco demasiados para empezar-, aínda que hai centos de tutoriais descargables en pdf e mesmo en vídeo a través de youtube. A alternativa é o programa gratuíto The Gimp, que é tan útil coma o Photoshop para realizar operacións básicas e mesmo avanzadas. É un pelín máis complicado, aínda que non tardaredes en facervos coas operacións básicas. Ten ao seu favor a vantaxe de que pesa moi pouquiño (uns 15 MB). Poderiamos levalo gardado no noso pendrive e instalalo nun minutiño en calquera ordenador.

O audio
Se incluímos arquivos de son na nosa presentación, tamén é conveniente coidar a calidade. Habitualmente descargamos arquivos en formato mp3, un xeito de compresión que reduce o peso pero que tamén reduce a calidade sonora. O que define a compresión é a taxa de bits por segundo coa que se comprimiu o son orixinal. Cantos menos bits, menos información e ao revés. Por iso, cando vemos un audio que nas súas propiedades indica unha taxa de bits de 192 kbps podemos intuír que se oirá mellor que o mesmo audio nunha versión a 64 ou 128 kbps. Se non hai máis remedio e non precisamos moita calidade de audio podemos botar man do arquivo a 128, pero debemos marcarnos como calidade mínima recomendada empregar son a 192 Kbps. En internet hai centos de páxinas para baixar efectos de son ou música, moita dela libre baixo a licenza Creative Commons.

A partir de música descargada, sons ou gravacións propias podemos facer os nosos arquivos de audio para power-point mesturando varias pistas, agregándolles efectos, variando a intensidade do son, etc.. Un programa magnífico pola súa lixeireza, sinxeleza e prestacións é o Audacity. Con el non só podemos facer mesturas profesionais cunha interface moi intuitiva que non require demasiados coñecementos, senón que tamén podemos exportar o audio a distintos formatos como o mp3 ou o wav que nos preservará a calidade orixinal a cambio dun peso en MB tamén maior.

O vídeo
Ademais de audio e fotos, o power-point tamén nos dá a opción de incrustar unha fiestra de reprodución de vídeo. Fixen probas e este programa non se leva demasiado ben cos vídeos en formato .mp4. Isto débese a que o power-point é criatura de Microsoft mentres que o .mp4 é un formato de vídeo do que a compañía Apple é abandeirada. Auga e aceite, vaia. Ocorre que os vídeos que hai en plataformas como Youtube ou Vimeo están almacenados nese formato mpeg-4 que tan pouco lle gusta aos programas de Microsoft. Para asegurarnos de que non vai haber problemas de compatibilidade o mellor que podemos facer é converter o comunmente chamado mp4 no formato propio de Microsoft: o wmv ou windows media vídeo.

Felipe Allegue e David amosáronme un programa que permite descargar e converter automaticamente os videos de youtube a wmv, é o aTubecatcher. Unha auténtica marabilla pola súa sinxeleza e eficacia. Hai que ver o que se descarga, porque en youtube hai almacenadas varias versións do mesmo vídeo: unha para conexións lentas a 240p ou 360p, outra con máis calidade a 480p e outras xa con calidade de alta definición, a 720p e -as menos- a 1080p, equivalente ao que comunmente coñecemos como Full-HD. Obviamente, canto máis subamos, maior peso terá o vídeo, máis tardará en descargarse e tamén máis tardará en facerse a conversión ao ansiado wmv. A opción da descarga é a máis socorrida, posto que non dependeremos dunha conexión á rede para poder velo.

Existen programas gratuítos para tratar o vídeo. Estes programas hannos ser de grande axuda se temos varios vídeos e queremos aproveitar só un anaco ou combinar nunha peza resumida os fragmentos máis interesantes. Windows trae precargado o Moviemaker, un programa moi sinxelo co que podemos cortar, fundir, titular, incorporar música e, en resume, facer unha edición básica sen demasiadas pretensións creativas. Se non queremos gastar diñeiro nin ser uns piratas, o software libre volve darnos solucións. O programa máis popular e seguramente o máis coñecido e sinxelo é o Virtualdub, mentres que o máis potente é o Lightworks . Con el podemos editar vídeo en calidade estándar ou en alta definición, podemos capturar desde a nosa cámara, procesar o audio, introducir músicas, crear transicións creativas e exportar a unha infinidade de formatos.

Non todo é power-point
Como remate deste artigo teño que dicir que o power-point é unha ferramenta poderosa, pero tamén moi mimosa en canto á integración de contidos multimedia que non conten co beneplácito de Microsoft. En vez de andar dándollo todo mastigado podemos deixalo a un lado e optar por outra ferramenta ofimática se cadra tan potente: o Open Office. É case idéntico ao paquete de Microsoft. Quen saiba andar co Office saberá utilizar sen problema o Open Office, coa vantaxe de que lle ocupará menos no disco duro, de que pode abrir e gardar arquivos en excel, access, power-point e, por suposto, .doc. Como argumentos finais para o cambio hai que dicir que o Open Office permite gardar os documentos en pdf cun só clic e que é gratuíto. Ademais, poñéndonos un pouco máis filosóficos, empregando software libre seguimos dándolle azos -aínda que tamén podemos doarlles uns euros- a aquelas persoas que traballan desinteresadamente por facer que o coñecemento e as ferramentas dixitais sexan universais.