
As sesións que estivemos impartindo estes días foron certamente interesantes. Os compañeiros e compañeiras falaron de asuntos tan variopintos como o protocolo, os dereitos e deberes que temos á hora de relacionarnos coa administración pública, a calidade, a seguridade nos colexios, un episodio determinante da historia Británica, a comunicación ou o turismo.
En todos os casos creo que se demostrou que sabiamos do que falabamos, que traballamos moito o material docente e que fixemos todo o posible por facer atractivos os temas que a cada un nos tocou tratar. Porén, houbo un particular que á maioría nos preocupa: ¿como facer para axustarnos a un tempo determinado tratando todo o que hai que tratar e a un ritmo que permita a perfecta asimilación de coñecementos por parte da audiencia?. Aí queda a pregunta, e tamén aquí, no foro de IdentiaCF, onde os usuarios rexistrados poden debater sobre a cuestión.
Para quen teña algunha achega interesante que facer ao respecto, agradeceríalle que nos dese os seus trucos ou técnicas a través do apartado de comentarios.
Despois de pasar polo trance de ter que falar en hora e media os temas que tiña preparados para dúas horas, cheguei á conclusión de que non existe métrica infalible. Certo é que cómpre preparar as sesións aproximando a duración dos contidos e exercicios prácticos en base á súa relevancia, mesmo engadirlle ao cálculo resultante da suma dos tempos unha marxe de erro por exceso debido ás intervencións e microdebates que poidan xurdir.
Supoño que, ao cabo, todo será unha mestura 50/50 de planificación e experiencia persoal e intransferible, porque é posible que unha persoa sexa quen de comunicar e interactuar con eficiencia docente en tan só 5 minutos mentres que outra persoa igualmente eficiente empregue 10 minutos.
Aí está o debate.
Sem comentários:
Enviar um comentário