02/06/11

Recursos audiovisuais para o curso... para calquera curso no que fagan falla recursos audiovisuais

A semana lectiva toca á súa fin. Nestes días andivemos a voltas coa preparación da sesión de dúas horas na que imos ter que despregar todo o noso arseal docente. Porén, nas entremedias houbo tempo para coñecérmonos mellor a través de breves presentacións en power-point.

O programa de presentacións de Microsoft é unha ferramenta moi potente, sobre todo na súa última versión. Pódese meter nel practicamente todo: texto, imaxes, gráficas, audio, vídeo... Aínda que podemos modificar moitos destes elementos mentres estamos compoñendo as pantallas, o certo é que debemos ter en conta algunhas cuestións técnicas, sobre todo no tocante ás fotos, ao vídeo e ao audio. Aí van unhas cantas consideracións.

As fotos
As imaxes en internet están compostas por píxeles. Pequenos puntiños de imaxe imperceptibles con información de brillo e cor. Unha presentación estándar de Power-Point é un lenzo baleiro que ten 800 píxeles de ancho por 600 de alto nos ordenadores con pantallas antigas ou de 1024x768 nos que hoxe están máis extendidos e que cadran coa resolución habitual dos proxectores de vídeo, aínda que na actualidade todos aceptan até 1280x1024. Se queremos que as nosas fotos se vexan ben e teñamos marxe de manobra suficiente ao redimensionalas sen que perdan calidade, é conveniente buscar fotos e/ou gráficos que teñan unha resolución de 800x600 píxeles como mínimo ou, mellor aínda, que anden nos 1024x768.

A equivalencia entre resolución de pantalla e resolución da imaxe non é tan simple como se expón aquí, pero sérvenos de referencia. Google ofrécenos a posibilidade de atopar imaxes de tamaño grande, mediano ou pequeno, indicándonos nas miniaturas a resolución que teñen. É ben ter en conta o tamaño... porque unha presentación perde moito se leva imaxes pixeladas ou, dito doutra maneira, imaxes con tan pouca resolución que cando as ampliamos vemos tamén ampliados os píxeles cadrados que a compoñen.

Se queremos tratar as imaxes para darlles a todas un aspecto uniforme, recurtalas ou aplicarlles filtros con efectos, o máis socorrido e profesional é o Photoshop, un paquete de Adobe escalable con outros programas da firma como o InDesign (Deseño gráfico), o Illustrator (Maquetación), Premiere (Edición de vídeo), Flash (edición neste formato para web e vídeo) e After Effects (Posprodución de vídeo), entre outros. O Photoshop é o programa máis usado para tratamento e procesado de imaxes. Ten o problema de que legalmente é moi caro e fan falla coñecementos mínimos para traballar con el -tampouco demasiados para empezar-, aínda que hai centos de tutoriais descargables en pdf e mesmo en vídeo a través de youtube. A alternativa é o programa gratuíto The Gimp, que é tan útil coma o Photoshop para realizar operacións básicas e mesmo avanzadas. É un pelín máis complicado, aínda que non tardaredes en facervos coas operacións básicas. Ten ao seu favor a vantaxe de que pesa moi pouquiño (uns 15 MB). Poderiamos levalo gardado no noso pendrive e instalalo nun minutiño en calquera ordenador.

O audio
Se incluímos arquivos de son na nosa presentación, tamén é conveniente coidar a calidade. Habitualmente descargamos arquivos en formato mp3, un xeito de compresión que reduce o peso pero que tamén reduce a calidade sonora. O que define a compresión é a taxa de bits por segundo coa que se comprimiu o son orixinal. Cantos menos bits, menos información e ao revés. Por iso, cando vemos un audio que nas súas propiedades indica unha taxa de bits de 192 kbps podemos intuír que se oirá mellor que o mesmo audio nunha versión a 64 ou 128 kbps. Se non hai máis remedio e non precisamos moita calidade de audio podemos botar man do arquivo a 128, pero debemos marcarnos como calidade mínima recomendada empregar son a 192 Kbps. En internet hai centos de páxinas para baixar efectos de son ou música, moita dela libre baixo a licenza Creative Commons.

A partir de música descargada, sons ou gravacións propias podemos facer os nosos arquivos de audio para power-point mesturando varias pistas, agregándolles efectos, variando a intensidade do son, etc.. Un programa magnífico pola súa lixeireza, sinxeleza e prestacións é o Audacity. Con el non só podemos facer mesturas profesionais cunha interface moi intuitiva que non require demasiados coñecementos, senón que tamén podemos exportar o audio a distintos formatos como o mp3 ou o wav que nos preservará a calidade orixinal a cambio dun peso en MB tamén maior.

O vídeo
Ademais de audio e fotos, o power-point tamén nos dá a opción de incrustar unha fiestra de reprodución de vídeo. Fixen probas e este programa non se leva demasiado ben cos vídeos en formato .mp4. Isto débese a que o power-point é criatura de Microsoft mentres que o .mp4 é un formato de vídeo do que a compañía Apple é abandeirada. Auga e aceite, vaia. Ocorre que os vídeos que hai en plataformas como Youtube ou Vimeo están almacenados nese formato mpeg-4 que tan pouco lle gusta aos programas de Microsoft. Para asegurarnos de que non vai haber problemas de compatibilidade o mellor que podemos facer é converter o comunmente chamado mp4 no formato propio de Microsoft: o wmv ou windows media vídeo.

Felipe Allegue e David amosáronme un programa que permite descargar e converter automaticamente os videos de youtube a wmv, é o aTubecatcher. Unha auténtica marabilla pola súa sinxeleza e eficacia. Hai que ver o que se descarga, porque en youtube hai almacenadas varias versións do mesmo vídeo: unha para conexións lentas a 240p ou 360p, outra con máis calidade a 480p e outras xa con calidade de alta definición, a 720p e -as menos- a 1080p, equivalente ao que comunmente coñecemos como Full-HD. Obviamente, canto máis subamos, maior peso terá o vídeo, máis tardará en descargarse e tamén máis tardará en facerse a conversión ao ansiado wmv. A opción da descarga é a máis socorrida, posto que non dependeremos dunha conexión á rede para poder velo.

Existen programas gratuítos para tratar o vídeo. Estes programas hannos ser de grande axuda se temos varios vídeos e queremos aproveitar só un anaco ou combinar nunha peza resumida os fragmentos máis interesantes. Windows trae precargado o Moviemaker, un programa moi sinxelo co que podemos cortar, fundir, titular, incorporar música e, en resume, facer unha edición básica sen demasiadas pretensións creativas. Se non queremos gastar diñeiro nin ser uns piratas, o software libre volve darnos solucións. O programa máis popular e seguramente o máis coñecido e sinxelo é o Virtualdub, mentres que o máis potente é o Lightworks . Con el podemos editar vídeo en calidade estándar ou en alta definición, podemos capturar desde a nosa cámara, procesar o audio, introducir músicas, crear transicións creativas e exportar a unha infinidade de formatos.

Non todo é power-point
Como remate deste artigo teño que dicir que o power-point é unha ferramenta poderosa, pero tamén moi mimosa en canto á integración de contidos multimedia que non conten co beneplácito de Microsoft. En vez de andar dándollo todo mastigado podemos deixalo a un lado e optar por outra ferramenta ofimática se cadra tan potente: o Open Office. É case idéntico ao paquete de Microsoft. Quen saiba andar co Office saberá utilizar sen problema o Open Office, coa vantaxe de que lle ocupará menos no disco duro, de que pode abrir e gardar arquivos en excel, access, power-point e, por suposto, .doc. Como argumentos finais para o cambio hai que dicir que o Open Office permite gardar os documentos en pdf cun só clic e que é gratuíto. Ademais, poñéndonos un pouco máis filosóficos, empregando software libre seguimos dándolle azos -aínda que tamén podemos doarlles uns euros- a aquelas persoas que traballan desinteresadamente por facer que o coñecemento e as ferramentas dixitais sexan universais.

5 comentários:

SMAILFORUM disse...

Cesar non sabia que o Windows trae por defecto un editor de videos, o Movie Maker, ainda que como dis é bastante básico. Vou baixar o VirtualDub, e intentar facer alguna modificación nalgún video que teño.
felipe

Cesar disse...

Ok, Felipe. Aínda que non controlo moito ese programa, supoño que será igual que todos. Se tes dúbidas bótoche un cabo.

Montse disse...

Graciñas pola mini guía, a min valeume de moito

La Bola de Cristal disse...

Muchas gracias, César!
La verdad que es una suerte tener un controlainformático en el grupo...

Cris

Cesar disse...

O nome é geek